Tuesday 16 de April de 2024

O Concello volve sumarse ao programa “Vacacións con Traballo”, do Fondo Galego de Cooperación


Vacacións con Traballo é un programa de cooperación técnica e sensibilización posto en marcha cada ano polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade que está dirixido ao persoal técnico dos concellos e deputacións que son socias da entidade. Pártese da base de que a forma de traballo das administracións locais é unha das ferramentas máis potentes e específicas do municipalismo que coopera.

A iniciativa, posta en marcha un ano máis polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, foi presentada esta mañá pola concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández; a secretaria da organización, Andrea Manuela García; a técnica municipal que participou o ano pasado, Yolanda Ferro, e e Manuel Fuentes, quen tamén participou como traballador da Deputación da Coruña.

A través das Vacacións con Traballo, persoal técnico da administración local e autonómica inviste un mes de traballo ou vacacións en colaborar cos parceiros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade nos países do Sur. A organización cobre todos os gastos relacionados coa viaxe, na que as persoas participantes achegan asesoramento técnico a entidades dos países empobrecidos, intercambian coñecementos con profesionais do seu ámbito, comproban os resultados dos proxectos de cooperación internacional, facilitan a colaboración entre o poder local galego e o do país de destino e coñecen outras realidades que divulgan durante a estadía e á súa volta.

Os destinos e perfís ofertados en 2019 son en Mozambique e Cabo Verde. No caso de Mozambique, a Fundaçao Encontro busca un/unha técnico/a ambiental e un/unha educador/a infantil, e os Municipios de Boane e Manhiça solicitan un/unha técnico/a de finanzas municipais e un de deportes. No caso de Cabo Verde, búscanse un/unha técnico/a de desenvolvemento local e un/unha técnico/a agrónomo/a para o municipio de Santa Cruz.

As solicitudes poden enviarse ata o 26 de maio ao enderezo comunicacion@fondogalego.org. A viaxe terá lugar entre os meses de xullo e setembro de 2019 e terá un mes de duración, aínda que con carácter previo haberá contactos coas persoas que alí se atopen e o persoal municipal recibirá un curso en voluntariado.

O programa Vacacións con Traballo leva funcionando ininterrompidamente dende o ano 2005. Ata hoxe, viaxaron a través do mesmo 44 persoas, que xenerosamente e na maioría dos casos ofreceron o seu mes de vacacións para cooperar, desprazáronse aos países onde o Fondo Galego ten presenza estratéxica, contribuíndo así á mellora da calidade de vida da poboación e xerando fluxos de coñecemento compartido, ideas e contactos.

Andrea Manuela García sinalou que “a cooperación técnica e a sensibilización vai máis alá da transferencia económica e implica un intercambio de experiencias bidireccional”. Pola súa banda, Yolanda Ferro e Manuel Fuentes explicaron as súas experiencias o ano pasado, definíndoa como una “experiencia fantástica no persoal e no profesional”. No caso de Yolanda Ferro, estivo en Cabo Verde desenvolvendo proxectos vinculados ao turismo rural, e Manuel Fuentes participou un proxecto informático para coñecer as necesidades dun pobo de Mozambique.

Concha Fernández resaltou a “importancia de que os municipios nos impliquemos no desenvolvemento local de zonas máis desfavorecidas” e nese sentido lembrou as axudas á cooperación, “ás que destinamos 120.000 euros de orzamento municipal e que teñen como finalidade impulsar proxectos de cooperación en distintos países”.

O Fondo Galego de Cooperación
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 95 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Dende a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.